—Non señor, non lle foi eisí como está nise papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín. Eiquí, o siñor, bulía moito a ler, e a máis diso non estamos moi afeitos a ouvir ler en castelán, que eiquí non o falamos; e cando un que non sexa señorito se bota a falalo, decímoslle que fala castrapo… Pro, con todo, non foi eisí anque o diga a Guardia Civil, a tía Esquilacha ou o sulsuncordia, con premiso da súa cara. Nin do escomenzo das cousas, nin do que veu dimpois nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada, ou si o viron non repararon, que unha cousa é vere e outra reparare.
—Eu, como xa dixen, que eí non o apuntaron, ía pra o meu traballo. Ía pra o meu traballo, eisí Deus me dea, que endexamais saíra da miña casa, ou da casa da Raxada, que pra o conto vén sere o mesmo, tan determiñado a ir pró traballo. O sábado fora a Raxada a buscarme ás obras e fixeramos as paces, por mor dela, que a quero ben, pro máis por mor do pequecho que xa vai pra catro anos e como é tan espilido xa vai entendendo das cousas dista vida… Dormín co ela o sábado e mais o domingo, que boa falla me facía, pois mulleres hai moitas, pro como ela, ó menos pra min… Dunha noutra, tanto me palicou que… Como facía tanto frío e dormiamos moi apegados, non tiña máis remedio que escoitala, e a máis diso, tiña razón… E tanto me palicou que me fixo engradar, que endexamais unha muller me fixera engradar, fóra da miña nai, que as nais anque fagan engradar a un non é vergoña pra un home. E finou tendo razón nas verbas como a tiña decote nas carnes do seu corpo, que non me podo afastar dela por moito tempo e por moito que faga a Costilleta, que tamen sabe o seu… A Raxada, a máis deso, ten un aquel no xeito das falas, que as vai ceibando solermiñamentes na orella, que ás vegadas son coasi coma si fosen só o alento… E faloume de si e do cativo e das cousas diste mundo cabrón, con premiso da súa cara…
Porque, dempois de teren pasado as cousas que soen pasar cando un home e unha muller durmen xuntos, e cando se é mozo i as cousas pasan unha i outra vegada, e mais outra i as que sexan, pois levabamos máis dun mes sen o adubío, pois un vai quedando, pouco a pouco, sen saber qué facere de si, eisí coma esmorecido nos brazos da muller. Cando é coas outras, eu líscome axiña porque até me somella que se poñen fedorentas e que cheiran a bravú, con premiso de vostede. Pro coa Raxada un quédase na quentura do leito e un vaise trocando nun cativiño, acochado descontra o seu seo, que 0 ten ancho e fermoso, coma si fora a nai dun, aínda sendo máis moza do que un…
Pro, aparte de todo, sobráballe razón. O rapaz non tiña culpa de ter nado nin de que a súa nai fose unha churriana i o seu pai un borracho… Borracho pro non larchán, hai que decire as cousas como son… Aló estaba o probe engruñado ó pé da cama, nun endrollo de farrapos e cobertores vellos. Cando acendía a vela pra ir facer as miñas necesidás, abría os ollos, que os ten lerchos e azús coma a súa avoa, e botábame un sorriso. Dormírase, i espertaba cada tanto, roendo nas rosquillas que eu lle levara. E aínda unha vegada tiven que me erguer pra escorrentarlle un rato que lle andaba nelas, e deille un grolo daquel viño con romeu e zucre que tiñamos a quecer no braseiro. Nunha desas tamén me dixo o inocente:
— «¿Pra que lle pega á mamai?»
— «Eu non lle pego. ¿Por que dis eso?»
— «Porque xeme, que a ouvín xemer polo baixo». Os rapaces todo o albiscan, leve o demo… E díxenlle:
— «Boeno, durme, durme…» E pergunteille si tiña frío. ¿E sabe o que me foi responder?
— «Cando vosté está na casa non teño frío, aínda que non durma na cama…» Porque o meu rapaz élle moi espilido, i ás vegadas di cousas que mesmo rachan as carnes, que hastra eu quixera que non falara eisí como a xente maor. A Subela tenme dito moitas vegadas que todo é ensiño da nai pra me amolecer; pro non é certo, porque disque que cando eu era neno tamén tiña desas saídas. Porque o meu Lisardiño…
— Si, señor, si; xa vou ó conto. Non fago máis que ir ó conto, anque non pareza. Na vida dos homes, aínda dos homes coma min, non lle é todo arroutada, que as cousas requiren ter o seu comenzo, e moitas vegadas o que se ve sae do que non se viu, e todo hai que ilo dicindo, anque eisí de pirmeiras non somelle vir ó conto… Pois indo ó caso, o caso foi que don Pepito, o médico, tíñame dito que a doenza da Raxada, anque non se ve moito, é desas que poden dar no eivamento se non se coidan e que tiña que botar mau dela pra que as cousas non fosen a maores… Dela e do fillo, porque senón íbanmo levar ás Hermanitas do Hespicio, de onde saen todos arriquitados ó pouco tempo. E un, por moi estragados que teña os miolos da súa ialma, non fai un fillo pra que llo boten ó esterco, con premiso da súa cara, e lle chuchen a ledicia do sangue a forza de telos, coma os teñen, naqués sombrizos do asilo engulindo auga quente con pan duro do decomiso e paspallando decote avomarías coma se os fosen axusticiar. ¡Meu pequecho!
— Si, señor, si, xa sigo. Déixeme aturar un anaquiño que co isto de… póñenselle a un roucas as falas… e… Boeno, pois, coma xa dixen, eu non andaba de parranda, que non era hora aquela de andar de parranda se non se trai empalmada dende a noite. Eu ía pra o meu traballo, nas obras da carreteira nova. Xa levaba nelas uns cinco meses, dende o vrau, desque as obras viñan por Alongos. Xa dixen esto, que o sabe todo o mundo e non teño por qué o repetir. Saco un bo xornal; un día co outro uns seis reás, picando morrillo de sol a sol, que hai traballos piores e non me queixo… A casupa onde vive a Raxada, desque se foi da casa da Monfortina por mor do pequecho, quedáralle dos pais cunhas leiras darredor, que vendeu cando se puxo ó trato. Está máis aló de Mariñamansa, así que eu tiña que saír con noite pra estare ás sete da mañá en Ervedelo que é, como vostede me enseña, por onde veñen as obras da carreteira, que eu traballo alí, a par da ponte que están erguendo a todo bulir pra que poida pasar o diputado, que disque vén o mes que vén, co gallo das eleiciós… Fixérame a probe Raxada unhas sopas de allo que aínda as sentía quentes eiquí no coalleiro, coa súa licencia, cando saín e me atopei coa friaxe da mañá que me colleu todo o corpo, coma si as sopas fosen a única cousa quente que tiña dentro de min, así Deus me salve. Toda a noite estivera xeando, e a lama estaba dura nos sulcos das rodas, i a carreteira somellaba de pedra que até se podía trepar nas pozancas que deixara a chuvia coma si foran de vidro groso, que hastra as herbas da cuneta brilaban co carazo coma si tivesen luz por embaixo do terreo, pois aínda non se vía coasi nada.
Eu andaba cos pés encetados cuns sabañós que me collían todos os artellos dos pés, con licencia, e doíanme de raio cando topeñaba coas chancas descontra as saíntes do camiño, de tal modo que tiña que ir pola herba, que anque non estaba mol estaba máis mol que aquela durén da lama xeada. A máis dos pés, a Raxada trabucárase no pemento das sopas e puxérallo todo picante, e de tal modo o estámago íame saíndo do quente pra enchérseme de lume… E con todo esto e coa noite pasada en tanta faena, ía de moi mal xenio pra o traballo, e non me chegaba xa o intre de atopar unha tasca aberta pra botar un par de vasetes do branco, pois un será o que queiran, pro un non é coma outros que desaúnan con media ducia de perritas, ou séase de augardente do país.
A pouco andar, e cando ía chegando polo mesón que lle din da Cristalina, o tempo atepedouse, coasi de súpeto, cun neboeiro que se viña erguendo do sul, negro coma mis pecados, pro de máis bo levar que aquela friaxe de coitelos que me deu no rosto da cara ó saír da casa da miña amiga. Polos altos do ceio, que arestora estaban a crarexar a modiño, coma con preguiza, víñanse erguendo unhas nubes empardecidas e víase que ía cambiar o tempo pra tronada. Eu estaba vendo que se me ía amolar o día de traballo, pro non habería disculpa que me valese, coma noutras ocasións que me agarraba a calisquera cousa pra non ir ás obras. Agora anque fose darrastro iría pra manterme no que prometera. Pediríalle ó capataz que me dese outro choio nas chabolas por esa xornada, que o caso era cumprir, e ademais aínda sei algo de ferreiro e de apuntar pistoletes dos barreneiros, picarañas e demais.
Conque afundín as maus nos petos da zamarra e apretando os dentes, polos condanados dos sabañós que se me apegaban e desapegaban ás zocas, e mais polo estámago que me ardía como si levara un torgo nil, seguín o meu camiño con carraxe. Cando ía nistas, cavilando na «perra vida del trabajador», como di o Serantes nisas xuntanzas de homes de traballo que agora se estilan e que se chaman «mitís», e non lle falla razón, aínda que non sexa máis que carpinteiro de obra, pois socedeu que ó lonxe vin, polo entremedio do neboeiro, dous vultos de home que se querían eisí coma disimular nun dos grosos negrillos que aló hai, a par da carreteira. Pro non resultou eisí, pois un acendeu un misto pra acender o cigarro, e saíalle fume tamén darrente ós pes, polo que me decatei que estaban mexando, con premiso da súa cara, arrimados descontra o arbre, que non sei a qué viña tanta precaución pois non se vía alma viva, anque quizais o fixesen por ser esa costume dos homes aínda que non os vexa ninguén. Conque eu pareime tamén pra picar o cigarro e tamén pra darlles tempo a que se afastasen de alí, pois non me gosta nin pasar por diante da xente que non dá a cara como se debe nin tampouco esviarme coma si desconfiase ou tivese medo. E boteime a camiñar de paseniño dándolle ó mecheiro pra que se disen conta de min, anque xa estaba certo que me tiñan visto ou ouvido polo tranquelear das chancas, que as teño ferradas, e máis agora que me botara a andar polo meio da carreteira… E foi nistas cando os dous vultos de home saíron da boira e viñéronse pra min, correndo e bradando coma dúas pantasmas, cunha manta botada por enriba das testas, que somentes se lles vían os catro pés. Supuxen de seguida que sería unha bulra de conecidos, pro, polo si ou polo non, afirmei a mau na navalla e quedeime parado. Ó chegar a min, deixaron caír a manta, escachando a rir, e resultaron ser o Bocas e mais o Milhomes.
— Si, señor, si; os mesmos. O Juan Fariña e o Eladio Vilarchao, que están eí nos papeis, son o Bocas e o Milhomes polos alcumes, que é como eiquí nos conecemos todos e que non ofenden a ninguén, porque Xan e Aladio poden ser calisquera, pro o Bocas e o Milhomes só poden ser os que son, do mesmo xeito que eu son Cipriano Canedo e me chaman Cibrán ou o Castizo, como vostede goste, pois o meu pai tiña un castizo pra servire porcas, con licencia… Anque tamén me chaman o Tiñica e o Puchapodre, porque de rapaz tiven a tiña, que me durou hastra mozo, e andaba coa gorra moi apegada…
— Non, señor, non; só era pra írmonos entendendo, pois xa me vou deprocatando que vostede non é deiquí…
—Non, señor, non; non é que me importe senón pra que me entenda, pois tamén lle tivemos un capataz, que era das partes dos murcios, que aínda falándolle na súa fala non nos entendíamos… Pois indo ó asunto, eran Xanciño o Bocas, ou o Alifante, ou o Peitodemacho, e mais Aladio o Milhomes, ou o Papaganduxos, ou o Setesaias, ou o Maricallas, tamén como a vostede lle pete, que eiquí todos temos onde escoller… Conque arrodeáronme rindo e zapicándome nas encostas, i o Milhomes biliscándome na entreperna, como tiña por fodida costume, e querendo botarme a manta por enriba. Deixáraos na taberna do Narizán, facía dous días, que era sábado, no comenzo dunha daquelas esmorgas que os fixeran tan sonados entre todos os esmorguistas de Auria e dos arredores, nas que se metían e non saían até quedar guindados por eí, coasi decote nun calexón ou nun carreiro das aforas de onde os apañaban os veciños ou os municipás pra botalos á perrera hastra que se lles fose a rolla, ou até que os irmaos fosen pedir por iles, pois os irmaos de entramos a dous, son homes traballadores e de bo siso, que hastra lacha lles daba teren tales perdidos na familia, que non fallan disgracias entre a millor xente… E isto non é acaloñar ós meus amigos nin apoñerlles ren que non sepa todo o mundo, coma quen di.
—Si, señor. ¿Pra que o hei negar? Tamén eu me metía nesas algunha que outra vece. Pro esta vegada non foi eisí. Non foi, porque dende o comenzo da outra somana, así Deus me dea como tiña mentes de facer as paces coa miña… boeno, coa Raxada, e darlle o xornal cada sábado pra non andar caíndo en tentaciós. A verdade é a verdade. Se cadra, eu non son mellor nin pior que iles, pro niste caso eu tiña mentes de ser deicadiante de outro xeito, ou de portarme de outro xeito, que vén sere o mesmo… Conque pilláronme polas maus e fixéronme dar voltas coíles, e fixéronme rir, e roldabamos todos tres a rir, e da gargallada dos tres saía a voce do Milhomes que cando ri somella unha galiña, que por iso non me gosta rir coíl onde hai xente, porque chama moito a atención. E moitas vegadas, cando andabamos por eí co dálle que tienes, dunha taberna noutra, eu non ría pra que il non ceibase aquel cacarexo de madamiña que todos ollaban pra onde saía e coñeábanse de nós.
Víase ben que andaban, coma quen di, xa na desfeita dunha boa esmorga, pro aínda bastante bébedos. O Milhomes meteu a manta no cinto, coma unha saia, e púxose a bailar, cantando o «Morrongo», á imitanza dunha lercha que viñera, pra as festas do Corpus, ó cafe Mendenúñez. Bailaba arredor do Bocas facéndolle carantoñas de calliqueiro, e o outro facía coma que o tornaba de si, coma quen espanta moscas. Logo foise pra il e escomeuzouno a petellar acoxegando nil, e ríanse os dous a morrer, e o Milhomes ría polos altos do narís coa súa gargalladiña de costureira… Logo botaron outra vece a manta por enriba e puxéronse a latricar en castrapo, imitando as falas dos señoritos e as señoritas.
— «¿Como está vosté?»
— «Moi bien, anque medio amolado por la temperatura…» Non sei por que, ó decir temperatura escachaban a rir que até somellaba que ían afogarse.
A min aquelo dábame noxo —xa llo tiña dito moitas veces—, e boteime a andar, seguindo o meu camiño. Pro ás poucas pasadas que dei, ouvín que o Bocas daba un berro tremendismo, e vin que o outro o tiña pillado polas partes, estordegándollas morto de risa. Pro o Bocas colleu azos de seguida e apañouno cun suco no meio do peito, que esboirou talmentes coma un golpe de bombo, e guindou co Milhomes estarricado no chao. Víase que polo menos o Bocas non estaba tan bébedo, pois os golpes dos borrachos non dan pra tanto. Como o Milhomes, sin conquerir erguerse, escomenzou de chuspirlle aqueles aldraxes que sabía escoller tan ben pra ofendere, o outro fóiselle enriba pra asegundarlle a couces. Algúns lle deu até que eu cheguei e púxenme entre os dous, e co aquel de querer atallarlle o pulo ó Bocas, coasi me guinda a min tamén, que touro coma il eu non teño visto, e ademais é dos que se cegan cando se pon a bater nun home. Conque o Milhomes calou e quedou alí estarricado a laiarse, agora con voce de neno. A min púñame lástima e non sabía qué facer. O Bocas ía dun lado pra outro abambeándose, co corpo encollido, xurando polo baixo, coas maus sobor dos janitales coma quen sinte un gran door. Axudei ó Aladio a se erguer e díxenlles:
— «Eso pásavos por non saber ter conta coa bebida».
— «Díxolle o pote á sartén», marmulou o Milhomes que endexamais ficaba calado anque estivese morrendo. E coa mesma puxo a manta por enriba da testa e botou a andar.
— «¡Párate eí, merda vella…! En canto me podia endireitar vouche comer os fígados; malia a nai que te abatanou…!».
— «Vánchese indixestar», cacarexou o outro por entre a súa risiña de costureira, botándose a alandillar con todo canto lle daban de si as pernexas curtas i o paso miúdo. O Bocas endireitouse dun arrepente e ás catro alancadas xa o tiña embaixo tumbado, enriba do lombo, baténdolle feramente nas illargas e cos dentes afundidos na carne do carrolo, mesmamente coma un can acirrado, fóra a ialma. O Milhomes revirábase, cos beizos arregañados, sen xiquer poder queixarse… Custoume barro e fariña poder soparalos, e aínda coido que si o conquerín foi gracias a que naquil istante viuse que viña chegando unha reata, que xa se ouvían os axóuxeres das mulas e os algareos dos arrieiros.
Ergueuse o Bocas de enriba do outro, pasando a mau pola boca e chuspindo. O día viña moi dapouco e lixado pola nubazón, pro a min dábame lacha que os poidesen vere daquel xeito: un coa camisa toda rachada e os beizos cheos de sangue, i o outro, debruzado no chau, todo esborroado, coma morto. Pro no tocante a iles, non había que darlles moito creto. Decote andaban eisí anoxándose, dándose tundas, até que un deles non podía máis, pra logo buscárense de novo. Endexamais resultou craro si se tiñan agarimo ou xenreira, pro non podían andar un sen o outro e nunca os ollei bébedos por soparado, como si pra andar xuntos tivesen que beber. E cando non andaban de tranca somellaban non conecérese un ó outro, que coasi nen se falaban; adeus por adeus, coma si tiveran vergoña un do outro. Pro en canto se xuntaban non facían máis que pelexar de moi mal modo. I o máis estrano é que si alguén se moqueaba do Milhomes, eí saía o outro a volver por il, que foran moitas as zarracinas que se tiñan armado por esta teima de Xanciño de dar a cara por somellante soleta. O Milhomes, con seu aquel de focho e gordete, coma de manteiga, non tiña meia hostia ben pegada, e deso se valía pra armar aquelas gallifas coñeándose dos outros, coaquel seu modo de fitar pra a xente, seu sorrisiño e aquelas falas, que as botaba coma o barro á parede, buscando sempre onde máis doesen, que pra eso era pintado. Cando se lle decía algo por bulra, tocantes ó seu oficio de xastre: «sete xastres non fan un home» ou eisí, cuspiñaba de si tales pezoñas que un non sabía si apandar co elas ou crebarlle os fuciños a pancadas.
Conque, erguino de novo, peguei no outro por unha manga e empurreinos pra que se metesen na cuneta, que alí era bastante fonda. Eu voltei ó camiño no intre que pasaba a reata; e un dos tratantes, que sin dúbida albiscara algo da barafustada, paroume pra me pedir lume, abesullando con ollo sesgo pra onde se agacharan os outros.
— «Seique nos adevirtimos» —dixo, rosmando por antre as chupadas.
— «Non vai chegar o sangue ó río. ¡Cousas de San Luns!».
— «Máis vale eisí… Pois andade con ollo, que atopamos á parexa tomando a perrita en Seixalvo. Parez que andan á percura dun que fixo onte un bo lío nunha taberna da vila. Veñen pra eiquí, de relevo. Conque… saúde».
— «O mesmo digo».
Quedeime facendo o mougán, para deixar pasar a longa ringuileira das bestas, e logo asubieille ós outros, con aceno de que podían saír, sen me mover de onde estaba, pois os condanados dos tratantes ían voltando a cabeza. Como non sortían do recuso, funme pra aló, cavilando en se non estarían a romatarse polo baixo, como cousa de bébedos que se pelexan sen falar. Aló os atopei, Deus non me dera, o máis ó rivés do que agardaba. Xanciño estaba sentado no ribazo da cuneta co outro a se laiar, debruzado nos xoenllos, pasándolle un pano pola ferida do carrolo que mollaba nunha fochanca legamosa. A ferida non era fonda, pro apuña moito con seu aquel do coiro esgazado e afundido nos buracos feitos polos dentes, pois a chantada fora de moito carano, con licenza de vostede.
— «Hastra parez mentira, hom…», díxenlles por falar algo. «¡Menos mal que sodes amigos del alma!»
— «E a ti que coño che vai nin che vén?», alporizouse o Milhomes facéndome cara. «Métete no teu, que estas son cousas nosas».
— «Por min que vos esfolen ós dous. Sodes tal pra cal… ¡Voume pra o meu traballo!»
— «¿Pra onde vas, home?», dixo, de bo xeito, o Bocas, erguéndose e asoparando ó outro dun empuxón, coma si de novo se estoxara dil. «Está vindo a chover e non vas a ter choio. Ademais xa non chegas á lista… e teño que che falare…» Nefeuto, veuse pra min, colleume polo ombreiro e botou comigo polo meio da carreteira, andando dapouco, deitándome as verbas coasi na orella, bulindo a falar polo baixo:
— «Non me deixes soio co este porque xúroche que acabo co il». O Milhomes estaba lavaricando o pano e canturriando coma si tal cousa.
— «Non sei que necesidá tes de andar na súa compaña…»
— «¿E non ves que se me apega, que non me podo ceibar dil?»
— «¡Que che se apega! ¡Que che se ha de apegar! ¿Non serás ti que o buscas?» O Bocas quedouse un instante a pensar, logo engadiu:
— «¡Pois eso é o fodido! Sin il non me adivirto… E si ando co il, chega un intre en que nos temos que bater, é decir, en que teño que mallar nil, veña ou non a conto… Pro sin il non me adivirto, veleí tes o caso…»
— «¡Vaites, hom!», dixen rindo. «Logo, daquela, tente domiñado. Pois si que é moito caso…»
O Xanciño espetou nos meus os seus grandes ollos azús, moi abertos, acobados no sobrecello avermellado, coma si desbotasen de si un lume frío.
— «Cibrán, non me voltes a decir cousa somellante, nin de coña… Aínda que che quero ben non cho podería disimular, e conécesme o xenio dabondo».
— «¡Vaiche boa, home! Agora co iso… Garda as túas arroutadas pra os que lle dean creto, que a min éntrancheme por un ouvido e sáenme polo outro. Xa sabes que son tan home coma calquera, ao par de calquera, e non se fale máis deso, e déixame ir pra o traballo».
— «Dígocho ó serio, Cibrán. A ideia de que este merdán me teña sobranceada a vountade, vólveme tolo. Non coides que non o teño xa cavilado. Parez un meigallo de vellas, ¡me caso en Dios! Pro faime o favor, non me deixes só con il. Págoche o xornal, teño cartos. Quédate connosco. É un favor que che pido de amigo».
A verdade é que me doían os pés e que me sentía moi esmorecido por aquelo das paces coa Raxada, que foran moi arreo e que nos levaran coasi dúas noites e algunhas veces tamén polo día, coas gañas que eu tiña dela e ela de min, e tamén co gallo do frío que nos tiña apegados todo o tempo na cama…
A máis deso andaba a sentir que me ía vindo o «pensamento», que decote me escomenza eisí, co ise esmorecemento, anque non sexa cansacio, que non ten ren que vere co cansacio, que ás vegadas vénme mesmo ó me erguer de dormir toda unha noite ben comprida. E, ademais, o día, nefeuto, viña avolto polo ceio e xa escomenzara a orballar mesmo coma pra chovere forte, porque eiquí cando emprincipia… ¡E, que carafio, non era cousa de porse a picar morrillo co aquel esmorecemento que me viña, e coa auga a Deus dala, coma outras vegadas que me pillou a chuvia no choio, e tere que apandar co arrancallo da coroza que alí nos emprestan, que cando se enchoupa pesa coma si fora de pau, que nin deixa mover os brazos…! E tamén me dixen, coma xa dixera Xanciño, que seguramentes non se ía a traballar nas obras, pois anque o inxenieiro novo, que viñera de Madrí, decíanos que xa levabamos dous meses de perda e reventábanos a traballar nos días bos, en canto se viñan catro pingas púñase a arrenegar da chuvia do país e andaba connosco feito unha fera brava, coma si tiveramos a culpa… E, a máis deso, ¡onde irían xa as sete da mañá, que é a hora en que se retiran os listeiros…! Craramentes, que eu tiña dado a miña palabra e que…
— «¿Que determiñas, Castizo? Non é pra remoelo tanto… Xa che dixen que che pagaba o xornal. A máis deso, xa sabes que si ti me pidises un favor de amigo…!»
— «Boeno, imos botar uns vasos, logo xa veremos. Polo pronto quérome escalzar un pouco que xa non aturo máis».
Conque, vai e collimos pola carreteira abaixo, co Milhomes uns pasos atrás de nós. Ó chegar perto do Posío entramos na taberna da tía Esquilacha, onde pararan tamén os tratantes. Había un bo lume na cociña, e estaban nela os arrieiros almorzando chourizos asados con pantrigo e viño novo. A min, como xa dixen, andábame a rondar o «pensamento», que decote me vén dapouco, cando escomenzo a facer cousas que sei que non tería que facer. O certo é que me sentía moi magoado e tristeiro, co aquelo de non irme ó meu traballo, ó menos pra me cerciorar de que non habería choio por mor da chuvia, e quedar tranquío pra non deixar, pola miña conta, sin comprimento a promesa que lle fixera á Raxada, que aínda cando saín da casa ía tan contento coma facía moito que non o estivera.
Aló dentro o aer estaba tépedo, agarimoso e cheio dese arrecendo das tabernas no inverno, que tanto gorenta o corazón e que fai esvaír todas as cousas amoladas que un leva na cacheira cando aló entra. Arrecendía, ademais, ós chourizos asados e ó viño novo, que xa se vía que tiña boa chispa co só ollarlle as burbullas a desgaxarse en canto caía nas cuncas… Afora debruzárase a chuvia, achoada e mesta, e o día puñérase fusquento coma si voltara pra atrás. Cando se abría a porta, entraban os refachos do vento até a cociña esparexendo 0 fumazo e facendo arrandear as restes dos chourizos dependurados encol da lareira…
— ¿Como, señor? Non me aparto do conto nin un instante… Estou a decir as cousas polo seu comenzo, que unhas viñeron das outras e si unhas non houberan pasado as outras tampouco.
— ¡Que han ser disculpas! Eu non teño ren de que me disculpar que eu nada fixen, pois a ollar as cousas que pasan diante dun non é culpa dun, por máis que llas apoñan ou que llas queiran apoñer.
— ¿Feitos? Feitos sonlle todos, tanto os que pasan fóra dun coma os que pasan dentro dun. O que pasou, pasou. E arestora xa ren queda do que pasou fóra dun, senón dentro dun. Agora todo está dentro de min, e si non me peta de me baleirar do que teño dentro, pois o que pasou queda coma se non tivera pasado.
— ¡Deus lle me libre! Téñolle todo o respeto que vostede merez. Pro tamén teño que decir as cousas como sei decilas e non podo decilas de outro xeito, por máis voltas que lle dea. A máis deso, os feitos, coma vostede me enseña, por máis que faga non me veñen á mamoria uns detrás dos outros, todos en fía, senón todos xuntos e mesturados, coma si o tempo se mesturase tamén e todas as horas se tivesen mesturado sen se querere asoparar unhas das outras. Ó que foi de día, se me poño a matinar, aínda podo conquerirlle certa disposición. Pro o que pasou á noite… A noite está ateigada de cousas, todas tan xuntas que mesmo me somella que non pudo habere tempo pra tanto, coma si foran moitas noites xuntas, unhas a cabo de outras, ou unha noite moi longa, sen día no entremeio; ou coma cousas desaxeitadas, sen antes nen dempois, que nin eu mesmo me entendo… A máis diso, tiven moitas vegadas o «pensamento», que me veu moi seguido, e daquela é coma si me ceibasen do tempo e de todo, coma si estivese e non estivese…
Conque indo ó caso, a tía Esquilacha, como cheirou que había cartos, fíxonos unha boa tortilla de patacas, ch0urizos e cebola, e tamén uns pementos fritos, que comimos na cociña, ó pé do lume, onde os arrieiros estaban a asar castañas novas que traguían nunha saqueta.
— ¡Craro, señor! Eso eu non llo perguntaría a ningún cristiao destas terras… ¿Como iamos a comer a secas? Bebéronse uns netos…
—Non sei, señor, porque o Bocas pagou todo, pro serían dous ou tres xerros de dous netos cada seu, que non é moito que digamos pra tres homes mozos desta terra. Como era viño novo e con boa agulla, íase coma si fora graciosa, coase sen se sentire… O malo foi que o Milhomes, que disque tiña catarro, empeñouse en pedir un cuartillo de augardente… e algo lle axudamos.
Xa feita a cousa, eu, por min, non me houbera movido de alí. Estábase moi ben, ó quente, manxando, bebendo e ouvindo as chuscadas dos tratantes ó pé da lareira co seu bo lumazo de mollos facendo esboirar as castañas , mentres afora chovía a Deus dala. Pro o Milhomes andaba teso, coa cachola degolada pra atrás, coma ollando pra o aer, e o colo metido entre os ombreiros coma un xorobado. No carrolo víaselle moito a ferida arregañada, que se vía que se lle estaba asañando, e escoáballe un sangue augachento que sacudía cos dedos a cada tanto, xurando cada vece que o facía. Xa un dos arrieiros lle perguntara si era andacio do país aquela cras de toromelos que lle saían na añuca… Cando levabamos alí máis dunha hora, chamoume aparte a tía Esquilacha, á que vin antes falar con un dos reateiros, ollando pra nós, pra me pedir que levase de alí a aqueles bébedos, que xa ían tendo no corpo dous coartillos de augardente e que aínda pedían máis; que a parexa pasaba a eso das nove pra o relevo e que decote facían recalada na taberna, e que a súa casa era mesón de tratantes e feirantes, todas xentes do bo siso e moita formalidá, e non tasca de esmorgantes da vila, e que faría ben en voltar pra a casa da Raxada ou pra a da miña nai se non podía seguir pra o traballo.
O consello era bo, pro a ideia de ter que pór de novo as chancas e volver a tripar pola lama, arrepiábame o corpo, polo gallo dos sabañós esfolados. Díxenlle esto, e de alí a pouco chamoume pra dentro da casa e fíxome sacar os calcetís, que vin a Deus e á súa divina cara, con licenza de vostede. Logo fíxome meter os pés nunha barreña de auga de allo quente, e pasoume as partes encetadas con follas do botón que trouxo da horta e que bateu nas maus botándolle chuspe e untándoas dimpois con manteiga de cerdo, co premiso da súa cara, co que quedei moi aleado … Cando estaba finando, sen parar de darme consellos, pois é moi amiga da miña nai e muller de moito creto, aparesceron os outros, xa moi peneques, facendo bulras ascarosas, porque me atoparon sentado no leito, así como querendo decir que eu estaba de rexouba coa tía Esquilacha, que ten anos pra sere mi madre.
Coas pancadas e arrebuños que se deran e coas copas e a veciñanza do lume, puxéranselles as caras grandes e vermellas coma carautas do antroido. Véndoos en tal condición, e no mesmo istante en que estaba a facer mentes de non saír co iles, asomou o arrieiro pra decirnos, falando moi apresa, que acababa de entrar a parexa da Guardia Civil, que disque andaba a precurar a uns pándigos que estiveran na carreteira de grande liorta, que llo contaron unhas regateiras das que veñen cedo á vila pra vender o rianxo, e que si cadra eran os mesmos que armaran outra zarracina o sábado á noite na taberna do Chaguazoso. Eu non lle dei creto, porque xa se vía que o tal reateiro era un bo bardallas, no tocantes a que nos visen as regateiras. Estaba seguro que ninguén, que non fosen iles, tiña pasado cando os outros andaban a rompérense a ialma, e que eran iles mesmos os que contaran o asunto, pois eran homes moi renanteiros, de eses da raia dos maragatos, e ademais con moita de esa solercia que se adeprende polos camiños do mundo.
Mais, polo si ou polo non, conviña liscarse… Conque saímos pola horta e botamos a andar por embaixo daquil bullón de auga que non daba folgos, e meténdonos por unha verea que cruzaba unhas hortas, fumos saír á Ponte Pelamios. O ceio viña baixo, apelexado e mouro, e chovía a escachar con rachas de vento frío. Seguimos pola beira do Barbaña até chear ós arrabaldos da Burga, onde nos acollimos baixo da ponte. Os outros, que coa pítima coasi non podían mover as pernas, embrulláronse na manta deitados no chao, e, a pouco, xa roncaban coma marraus, fóra a ialma. A cibdade somellaba asolagada por aquil baleirarse do ceio, sin trégolas, que puña triste o corazón. A min xa me pesaba non tere bebido máis, porque cunhas cousas e outras, andábame a amolar o «pensamento» así coma de lonxe, pro con gañas de botárseme enriba e meterme na súa negrura, coma decote me socedía…
Cando espertaron, a eso de unha hora dempois, seguía chovendo arreo e o día empardecera aínda máis, coma si fora a vir a noite. Falaron de ire eiquí e aló, pro coma co aquil tempo non se podía ire a ningures e aquiles non podían estar sin facer falcatruadas, ó Milhomes deulle a mona por querer subir ó xardín dos Andradas, que estaba alí pertiño, escadando o paredón pra vere si viamos á señora, pois decíase no pobo que todas as mañás, dende o raiar da ialba asomábase á galería que dá ó xardín pra lle dare frangullas ós paxaros que, polo visto, víñanlle comer á mau armando grande rechouchío, que hastras disque somellaban falare co ela.
Eu tiña ouvido o conto, igoal que todo o mundo; aquela historia de don Fernando de Andrada e da súa muller, e déralle o mesmo creto que ás outras moitismas marmuraciós que van e veñen duns a outros nesta vila de folgazás. Como eiquí chove sete meses ó ano, a xente entretense en palicar a carón das camillas e arredor dos braseiros, ou nas tabernas e cafés, matinando en tales pantesías.
Polo visto, asegún se marmuraba xa facía anos, que eu xa o viña ouvindo dende rapaz, o vinculeiro dos Andradas, que era o único vivo que quedara dunha familia morta toda dunha tísiquis do peito que pegara niles e que os fora levando un a un, pasara toda a mocedade no estranxeiro, a onde o mandaran pra que non se lle apegase o mal. Contábanse dil cousas de moita grandeza, como fan decote os probes cando falan dos ricos, que ó mellor non é tanto… Que si lances de xogo e de amoríos, que si estivera nunha guerra de por eí adiante entre xentes que non teñen ren que vere conosco, que si fora, en segredo, amigo dunha raíña, porque disque era baril e bo mozo coma non se tiña conecido outro; que si sabía falar todas as falas do mundo e tal e que sei eu… que penso que todas serían latricadas de comadres, de xastres ou de costureiras que teñen ese bezo de dárenlle á língoa e de andaren a remexer nas honras alleas… O que parece que era certo é que voltara, xa bastante estragado das súas andadas polo mundo, a facerse cargo de seu herdo que disque que era aínda de moita cuantía. Asegún din, as cousas da herdanza non as tratou con ninguén e arranxárannas uns avogados cos outros pra lle sacar do papo ós frades de San Francisco unha boa endentada que lle tiraran á nai que morreu tola, asegún din, que eu nesto non me meto. Conque disque voltou a viaxar por esas terras de Deus, i ó cabo dos anos chegou de novo traguendo consigo unha dona de tal fermosura, que os poucos que a viran decían que endexamais se tiña ollado cousa somellante… Pro ninguén voltou a ollala dende o día que chegaran, fai desto uns doce anos, que foi cando eu o ouvín contar. Polo visto o Andrada meteu á muller na casa, fechou as portas e non tratou con alma diste mundo nen se lle viu endexamais andar polo pobo, nen xiquera cando veu o rei, nin cando ardeu o barrio da Ferreiría, e iso que o lume andivo a lamberlle as paredes do pazo, pola parte que dá a carón da cibdade… Disque, ás vegadas, víaselle dacabalo, ó mencer, pro fóra dos camiños, perto dunha finca que ten, con outro pazo, polas terras de Santa Cruz de Arrabaldo; i outras veces tamén de noite, que puña moito medo… Falar falábase moito, pro ninguén sabía decire cómo era nen cómo andaba vestido, que todos debían sere latricadas de folgazás e contos de vellas… Tamén disque que os criados que trouxera desas terras por onde andivo, non falaban coma nós e que os remudaba cada ano, ou antes si os vía tratárense con alguén do pobo, pro eu endexamais soupen de ninguén que os tivese tratado, que de iste modo son as historias e as testemuñas que levantan as xentes de moito lecer pra darlle á condanada da língoa… E tamén se ten dito que facía viaxes cada tempada, sen saberse a onde ía, e que levaba consigo toda a xente, menos a dona, da que nunca se volveu sabere… Algúns decían que a tiña fechada a cal e canto, por mor dos ciumes que tiña até do aer que a tocaba, que din que lle faltara cun amigo nesas terras de por eí adiante, e que a trouxera á forza pra tela, de por vida, metida na casa coma nunha cadea. Outros decían que entolecera de vérese tan dispreciada, que hastra disque que lle pagaba cando estaba coela en matrimonio, coma si fora unha churriana, e outros aseguraban que lle dira morte e que a enterrara no hortal…, que hai que vere canto cavila a xente no que non lle vai nen lle vén, como di miña nai, que foi a que me contou a meirande parte de todo isto.
Conque, de todo isto falamos os tres, e cada un contou o que sabía, que era coma falar de rabos de gaita e asubiarlle ós biosbardos, pro como non sabía a onde ir, ou non se podía ir, de algo había que falare. Pro o Milhomes seguía na teima de querer vela. E o Bocas, que de comenzo non puñera no que se falaba moito intrés, anque tamén dixera a súa, quedouse teso e morcón, cando saltou, nunha desas, o Milhomes:
— «Pois iso de que a matou non é certo… Non é certo porque eu vina, co istes mesmos ollos, vai pra dous anos, máis ou menos…»
— «¡Que has de vere ti, carriza…! Soñáchelo, ou víchela un día que pescaches unha tranca meirande que as outras», dixen eu, non só porque non lle daba creto senón pra que o outro, que era máis porfiado que unha besta, non dese tamén na teima de querer seguir ó Milhomes na súa tolaxada, pois iste soio xa sabía eu ben eu non se estrevería.
— «¡Dígocho que a vin, coma vos vexo agora a vosoutros…! Vímola eu e mais o Argadelos…»
— «…e senón, vámosllo a perguntar ó camposanto».
— «¡Xa podías pór testigos máis a mau!»
— «Subimos un día, ó mencer, agatuñando pola hedra do paredón. Andiveramos de esmorga na víspora, pro xa non estabamos bébedos, tal coma agora, que a min váiseme axiña, e xa ti o sabes… Foi un instantiño, que eu non me poiden agoantar que non teño moita forza, e ademais esfolara as maus agatuñando. E o Argadelos xa sabendes como estaba o probe, que non sei como acadou de subir até o cabo. Vímola un istantiño e quedamos abraiados de somellante cousa, que eu hastra non o quixen contar a ninguén… Din que outros tamén conqueriran subir noutras ocasiós, pro que cando asomaran a cacheira ó romate do paredón, por alí ¿vedes?, por onde se olla o cenador, baixárannos dunha perdigonada de sal disparada dende a galería do pazo. Un foi o Lambelaxas i o outro o Rodeiro, que traballa na fundición asegún me dixeron».
— «Non sei se será certo», interviu o Bocas con aer serioso, «pro eso mesmo ouvinllo en un día ó Argadelos… Non lle din moito creto porque era moi pantesioso cando se puña a falar de mulleres, que disque de eso lle veu o mal que nil pegou, que se foi mazmindo de tanto matinar nelas, que non facía outra cousa día e noite. E tamén lle ouvín que era a muller máis belida que se tiña visto ou soñado, e que desque a vira perdera o sono pra unha chea de tempo».
— «Eso pásalles moito ós que teñen o mal cansado, que tamén un meu curmau, que morreu dunha hética do peito, dáballe por non durmir…»
— «¡Pois xa me está a min picando o asunto ise», dixo o Bocas co aquil seu enduramento dos ollos que se lle puña cando collía unha determiñación. «Eu por min subiría… ¿Total que estamos a facer eiquí?»
— «Eu non sei si poderei, coa chantada que me ferrou iste animal que me está a doer o carrolo que nin o podo mover… Pro vou con vosoutros pra decirvos coma tedes que facer. E ogallá poida subir eu tamén».
— «¿Que dis ti?», preguntoume o Bocas. Dempois de pensalo un anaquiño, díxenlle:
— «Soméllame unha tolería. Ademais co ista chuvia… Polo tocantes a min, xa sabedes que non é por medo… Pro dígovos francamente que non creio neses contos de vellas e de tolos… Agora si queredes… Craro, que eu non vou poder co istas chancas ferradas e iste proído e door dos pés… Pro xa que se anda nestas cousas irei convosco como é obriga entre compañeiros».
As chatas que eu lle puña á súa determinación eran verdade e tiñan fundamento certo. Sentía os pés coma si os tivese esmiolados e doíanme até os altos das canelas. Pro cando se anda con compañeiros hai que facer o que fagan os máis ou deixar a súa compaña.
Conque saímos de embaixo da ponte e dempois de cruzar á carreira un descampado que alí hai, metímonos polo calexón que forma por un dos costados o muro do xardín dos Andradas. Fitei pra o alto e vin que por alí non podería agatuñar nin un mico.
— «¡Que condanado!», marmulou o Milhomes. «Fixo cortar a hedra e botoulle cal ás xuntas do muro… Cando nós viñemos non estaba eisí. Imos pegar a volta a ver si hai outro lugar por onde subir».
Arrodeamos o paredón, que dá alí unha volta, e a pouco andar vimos, coasi tapado por unha morea de terra de obra, un grande furado, arrente ó chao, que se metía polos alicerces do muro, coma si estivesen facendo unha mina. Non había alí ninguén traballando, sen dúbida por mor da chuvia. Dempois de cavilar un istantiño en qué sería aquelo, decatámonos que era pra meter as augas do canal novo, como estaban a facer noutras moitas casas, que disque agora a xente rica vai ter a fonte na súa casa , que eu non o crerei até que o vexa… Conque, anque nos iamos enfouzar de lama, pois estaba aquelo perdido, metímonos polo furado, e ás poucas pasadas vimos o ceio enriba de nós e as gallas duns arbres por outro furado que subía a pique.
— «Ponte ti eiquí», ordenou o Bocas, co aquela súa maneira de mandar, cando andaba nelas, que non ademitía outra resposta que obedecere. Acrequeñeime un pouco, e logo de botarme a manta por enriba das costas, subíuseme ós ombreiros até acadar a parte de enriba do furado sosténdose nos cóbados. Estivo un pouco axexando e baixou dun chouto, pra quedárese estantío, arrimado á parede e cos ollos fitos en nós.
— «¡Está eí! », tatexou moi asustado.
— «¿Quen, hom?»
— «A muller, a dona isa…»
— «¿Non volo decía eu?», argallou o Milhomes, coma pesaroso de que fora certo. «¿Pro víchela ben?»
— «¡Sandiós, non somella cousa diste mundo! Quedei sen folgos…»
— «Déixate de coñas… Xa che teño vintecatro anos e pasoume o tempo de crer en bruxas».
— «… sandiós!», seguiu a falare, coma se non nos tivese ouvido. «Ponte eí; déixame vela outro pouco».
— «Daquela eu tamén quero ver o que é iso…»
Sacou o Aladio unha botella de augardente, que roubara no mesón e que traguía no peto da zamarra, e pegámoslle uns bos grolos pra nos animar. Logo apañamos uns paus que alí había e fúmolos espetando, a modo de apeas, na terra mol da parede, até facer coma uns banzos de escada. Eu saquei as chancas, amalloeinas pra colgalas do colo e subín o primeiro. O furado daba a un soutiño de camelias, tan escuro que as frores somellaban luciñas de coor. Naquil istante tiven medo, máis que a cousa diste mundo, pois non son eu dos que lle fuxen ás cousas diste mundo, a calisquera cousa que podía vir de non sei onde. As pingotadas da grosa chuvia de tronada daban na follax dos camelios cun bruído de redoblante. Non me quixen erguer até que non chegasen os outros, e aínda tiven gañas de baixar sen ter visto nada. Pro nesto chegaron e quedaron a par de min tumbados.
— «¿Que?», rosmei polo baixo, dándolle co cóbado ó Bocas.
— «Ollade por eí», e acenou pra un porteliño que había nunha sebe de buxos.
Eisí o fixemos… Aló na galería, que tiña unha das ventás erguidas, víase a máis belida muller que nen pintada eu tiña visto. Lucía mesmamente coma a Virxe do ceio, sen ofender a ninguén. Era branca, branca, co cabelo negro… Tiña os brazos núos, cheios de alfaias, botados pra fóra da fiestra, coma si quixera que se mollasen coa iauga de chuvia, e tiña posto un vestido, branco tamen e livián pra 0 tempo que facía, coma se non lle importara ren do frío. E polo meio da cabeza víñalle un manteliño ou un veo de coor azul, e os cabos dil saían pola fiestra e arrandeábanse co vento, e como a dona estaba tan queda, somellaban ser a única cousa que tiña vida de seu. Sorría, fitando pra onde nós estabamos, pro sen pestanexar, cos ollos mouros, grandes e moi abertos, que aínda puñan seu aquel de medo…
Nisto, ó traverso dos cristaes embazados, viuse vir pola galería un vulto de home, e acurruchámonos de novo sen deixar de fitare. Dapouco, chegouse á fiestra e púxose a par da señora un cabaleiro outo, moi fraco, de barba vermella e comprida, fardado cun capildó coma de crego ou de frade. Fumaba un longo puro e tiña ollos inquedos, espantados, coma de tolo. Albiscou pra o xardín e púxose a esbardallar nunhas falas que non se entendían, e cando baixaba a voce non deixaba de bulir cos beizos, fala que fala… Púxolle unha mau na cabeza á belida dona e acenou coa barba cara ó xardín coma si lle amosase algo, sen deixar de barballoar con falas que non tiñan fin e moi anoxadas, anque a fermosa dona non lle contestaba ren, nen deixaba de sorrir… Nunha destas pegou nela forte, colléndoa por un ombreiro, e botouna pra atrás dunha pancada, sen guindala, coma si a dona estivese sentada nalgo con rodas. Logo asomou de novo, bulindo a falar, a falar, agora xa berrando, e púxose a ripar, a tirós, os pelos da barba, soplándoos logo da palma da mau, bafexando forte… E coa mesma, ceibou unha tremendisma gargallada, fixo un corte de mangas cara ó ceio e baixou a ventá dun saque tan forte que non sei como non se escachizaron os vidros.
A min todo aquelo apúxome tanto que coasi sen pór pé na apea, vinme no fondo do furado, co cu na lama e tramando coma si tivese perlesía. Os outros baixaron tamén máis ou menos, e todos tres sudabamos coma na porta dun forno. E sen falar verba, erguímonos, pegámoslle outro bo grolo á botella, e cando nos dispuñamos a liscar ouviuse un escopetazo e caíronnos enriba os retrincos das follas dos camelios…
— Si señor, todo esto é verdade e todo sucedeu tal como o deixo dito. Xúroo pola memoria do meu pai morto…
— Non señor, non teño apetite de comer nen de ren, nen estou canso. E ademais falando distas cousas, síntome aliviado do «pensamento», que todo o tempo que me tiveron no calabós do coartelillo, tívome bastante fodido, con premiso da súa cara, que nin me deixaba cavilar no que tiña pasado.
— Será coma vostede dispoña, con tal que me deixe agardar eiquí, que llo prego coma cousa de moita mercé. Se me devolven ó coartelillo, non sei qué vai pasare… Prefiro que me leven dunha vece á cadea. A un home mozo e de bo sangue, ninguén lle pode pór a mau no rosto da súa cara, tendo as maus pexadas coas esposas, sen que senta degoiros de morrer naquil mesmo istante… Iso non é de homes, e non sei como hai homes cristiaos que llo fagan ós outros homes tamén cristiaos. Eisí que prégolle de mercé…
— Deus llo pague, señor, Deus llo paguiño… E será como vostede dispoña… E até logo, si Deus quer…