— Non, señor, ó Campo das Bestas fumos dispois. De primeiras fumos cara á Estación. Non sei si xa dixen que tiñamos mentes de pillar o tren misto, que pasa, como vosté me enseña, ás cinco da mañá e írmonos a Monforte, até que acougara un pouco o asunto, que o tempo todo o vai arranxando. E si non se arranxaba, tamén se falou de seguirmos pra a parte de Asturias onde, polo visto, atopábase bo traballo nas minas de carbón, que o Bocas tiña aló uns amigos.
Pro cando tiñamos pasado a Ponte Maor topeime co Barrigas, o do carromato, que estaba a enganchare, frente á súa casa. O Barrigas tenme boa estimanza, porque foi compañeiro do meu pai cando estaban de varrendeiros en Cádiz. Saíu de tras as mulas, cando xa os outros pasaran diante, pois eu fora quedando recuado por mor dos pés, e colleume aparte pra me decire que fariamos ben en non chegare á Estación que andaba por aló a parexa a nos precurar. Díxome tamén que nos liscasemos o máis lonxe posible, que xa se correra pola vila o que tiñamos feito… e iso que, naturalmente, non o sabía todo. Pro contoume que, amais do asunto do Bocas co Balbino o Cebola, na taberna do Chaguazoso, apúñannos o lume do pazo que disque fora tremendismo, como quedara, e queimárase unha cheia de gando e porcos de ceba que estaban nos cortellos, amais dos outros estragos que o lume fixera no mesmo pazo; que si nos pillaban que nos ían a matare a paus sen agardar á xusticia, e que si tal e que sei eu…
Conque deille as gracias, dempois de lle decire que o asunto non era tanto coma a xente esbardallaba, e funme pra os outros a contarllo. De comenzo o Bocas, quíxolle quitare importancia ó asunto, pro, con todo, pegamos a volta. Ó pasar de novo polo cumio da Ponte Maor, veume ós miolos un pronto de «pensamento», tan súpeto e fero, que a pouco pego un brinco polo petril pra tirarme ó río. Non faltou nin esto pra que o fixese, pois un istante non fun dono de min… Coido que me salvou aquela friaxe que me veu ás tempas e mais aquela floxeira das pernas, coma se fose a perder o sentido… Menos mal que pasou…
Ó chegar á outra banda da Ponte, o Milhomes trouxo da taberna do Sancristán, que xa estaba a porparar pra a feira do día sete, que é alí pertiño, que xa axiña escomenzarían de chegar os feirantes, dúas boas botellas de augardente, que boa falla nos facían pra non esmorecer. Unha despachámola de contado sen deixar de camiñar, tal coma se fose auga da fonte; porque haille casos eisí nos que un bebe non pola bebida senón coma quen engule unha meiciña, pra non se esmiolar pola falla das forzas…
Naquil intre eu xa non sabía qué facer de min e víame perdido. Pensaba na miña nai, no pequecho, na Raxada, coma si os lembrase dende a outra beira da morte. Cambiara eu tanto en tan pouco tempo que xa non tiña ren que vere conmigo, co home que eu quixen sere no día denanterior, cando me determiñei a facere as paces coa miña amiga pra vivire a concencia, como home traballador, botando mau de min e dos meus. A disgracia saírame ó camiño na compaña daquiles disgraciados e víame metido en cousas que endexamais fixera nin matinara de facere. E o que máis me magoaba era que esto me fora a socedere xustamente cando tiña determiñado de me facere home de ben, coma si unha mala fada viñera a me privare do meu intento no intre mesmo en que escomenzaba a polo por obra. ¡Pro agora xa todo se amolou, malia a min i a miña mala sorte…!
— Si, señor, si; xa me deprocato de que agora de nada vale laiarse, pro algo me val pra me librare diste peso no peito que somella quererme afogar e diste ire e vire do «pensamento» que casi non me deixa dende que eiquí me trouxeron… amais diso, sen bebida pra poder ollecer dista sofocación… E aínda menos mal que vosté foi tan bo e non me deixou levare ó coartelillo, porque daquela o «pensamento» finaría por me entolecere. Vosté tense que dar conta de que un home mozo, coas súas formas inteiras, non pode aturar que outro home, que non sexa seu pai, lle poña as maus no rosto da cara sen ofensa entre iles e sen poderllas devolver, esposado como o teñen a un, que hastra non sei como hai cristiaos tan ascarosos da súa ialma e fillos de mala nai, coma pra pórse a bater nos outros homes que ren lles fixeron e que non se poden valer, que iso nin é xustiza nin carallos que a fixo, coa súa licencia, e dito sexa sen fallarlle ó respeto…
— Ten razón… Disimule… Pro vosté non sabe o que é verse nas maus dun gandulo da nai que o fixo, que porque anda fardado doutro xeito lle veña a bater a un home, conecido de todos e fillo do pobo, ferrándolle hostias na cara ou vergallazos no lombo, e aínda couces en salva sea la parte, pra non decire nas fodinelas, con premiso de vostede, coma si un fose un gitano. I amais diso ríndose e coñeándose de un, que é coma si lle pegasen a un no meio da ialma, que é onde máis doe, e todo porque o teñen pexado coma unha besta e sen podérese valer… Porque xúrolle, meu señor, que se hai que ire á cadea, irase, e si hai que ire a presidio, irase, porque o que faltou ten que pagalas aínda que as fixese sen mentes de facelas, que eisí é a xusticia dos homes e que se lle vai facere… Pro se me volta a mandare ó coartelillo xúrolle polo leite que mamei…
— Ten razón dabondo, señor, e que Deus lle pague a pacencia que ten conmigo, que pra non sere vostede deiquí é bastantemente considerado, e non coma ise fillo de puta de mandamais, que maragato tiña que sere…
— Non, señor, non quedei múo… O que pasa é que me apuxo moito seu modo de berrar arestora, que eu ren dixen descontra vosté nen o pensei, eisí Deus me dea… E se se me foi algún xuramento ou cousa eisí, vosté ten que considerare a situación dun home que, fose o que fose, endexamais se ten visto en cousas de xusticia, e tantas horas sen tere ollado a ninguén, coma non sexa a aqueles xudeos; sen manxar, sen beber, batendo nun e de eiquí pra aló, perguntándolle pra non deixarlle decire verba , ou facéndollas tragar si as di, sen podere xiquera pedire unha pinga de auga, sen poder facere as súas necesidás sen telos diante dun…
— Sí señor, xa comprendo, e fareino sen máis, coma vostede me manda…
…pois aqueles grolos de augardente aledáronnos as forzas, unha vegada máis, anque menos que as de denantes, porque as cousas que tiñamos que afogar coa bebida ían indo a maores. Eu xa me deprocataba que non podería seguir bebendo porque xa sentía o estámago ensarreado, e os outros somellaban estar tan magoados coma min… Ían diante, coma sempre, collidos do van e querendo aparentar que estaban ledos e que todo era cousa da esmorga que pasaría coma tiñan pasado outras gallifadas e tolemias feitas outras veces…
Iamos por uns carreiros apartados que se entraban polo meio das viñas das aforas, e sentíase a voce do Milhomes, co seu falanguear atariñado coma palique de cortexo. Camiñaban con andar t0rdeante de peneques, coa manta botada por enriba das cabezas e petexaban un no outro facéndose cóxegas e dándose empurrós coma si ta l cousa. Era nistas cando o Milhomes se aporveitaha da bebedela do outro, pois cando Xanciño estaba na lucencia do ser non llo consentía, ou polo menos non se deixaba ire até aquelas porcalladas que non somellaban cousa de homes; e polo que a min toca, que tanto teño andado con iles, nunca me poiden deprocatar de si bebía pra que o outro se aporveitase ou si o Milhomes o facía beber pra aporveitarse. Pro o que podo decire é que ningún diles se emborrachaba sen o outro, que endexamais se tiñan visto bébedos por soparado, ou cada seu en compaña de outros, que era moito misterio iste, do que se tiña falado nas tabernas. Pro cando pescaban a rolla, tarde ou cedo findaban nesas andrómenas noxosas de se agarimar e se bater, que non había dios que o entendese.
Facía un frío de todos os demoros. A min doíanme os pés coma se mos escodelase, e até me puña medo a ideia de tere que me escalzar e vere o estropicio que se me tería feito de tanto camiñar, cos sabañós roídos polas chancas i os calcetís embrullados co sangue e co brume das feridas…
Conque, chegou un istante en que xa non dei máis de min e deixeime caír ó pé dun valado, á ventura de Deus, que xa tanto me daba unha cousa coma outra… Sentía unha grande frouxedá no corpo e víñanme coma vágados á cabeza, arremuiñándoma toda, que non sabía si era de cansancio, de door ou da bebida. Cando os outros se apercibiron voltaron por min e leváronme coasi decolgado, e o Bocas decía, pra me animare, que xa estabamos perto dun abrigo onde il sabía que nos podiamos agachar pra descansarmos e falarmos do que se tiña que facer sen estare espostos a que nos visen.
O Bocas estaba moi estrano. Tan pronto se amosaba ledo e cheio de confianza coma dubidoso e amuado. Non había que fiare moito dil que era home de moita destrucia e capace das maores falsías. Amais diso era, dos tres, o que estaba co xuício máis perdido que até, ás vegadas, somellaba completamente bébedo, tanto no andar coma nas falas… A teima que levara durante todo o día, e aínda máis forte desque viñera a noite, era de tere que estar con muller, de iso non o podiamos apartare. E desque lle marrara o choio da dona que resultou sere boneca, aquela pencha puñéraselle máis forte na cachola… Porque cando o Bocas se puña teimoso era coma un animal fóra a ialma e non había dios que o parase. Os grandes ollos de neno, que tiña no seu natural, empequenecíanselle e púñanselle duros e fitosos igoal que os dunha besta brava, e o pouco que falaba era entre dentes, coas cacheiras apreixadas coma si en troques de falare rosmara, que había que pór todo o sentido pra pescare o que decía.
O Milhomes laiábase tamén porque co frío asañáraselle aínda máis a ferida da tariscada e facíalle unha xorobeta vermella no carrolo, arrodeada de escoas do sangue callado. Co seu falar tatexoso de bébedo, o Bocas ía dicindo:
— «¡Me caso en tal, quero estare cunha muller que non sexa puta! Se vosoutros forades bos amigos…»
— «¡Faiche a ti boa faltiña!», contestáballe o outro, con voce entre bulreira e despeitada.
E diste modo iamos troupeleando por aquil carreiro que somellaba non tere fin… Parábanse cada pouco e zorregábanlle á botella, que non sei como tanto agoantaban daquiles corpos. O Maricallas, que somellaba sere o máis froxo, era o que máis aturaba dos tres. O Bocas, dempois de cada grolo, resquexaba forte, coma si tivera lume na gorxa, e voltaba a ceibar o seu laio de porcallán:
— «¡…que xa vos dixen que quero estar cunha muller que non sexa puta…!»
— «¿Que vas a estare ti que xa non podes coa ialma , raio de larchán? ¿Pra que queres muller? Anda, pégalle un bico a ista…». E metíalle a garrafa descontra os dentes, que xa era máis o que lle caía pola roupa que o que engulía.
Dapouco, funme desfacendo diles, que me levaban no meio dos dous, e preferín seguilos como puiden. Ía quedando atrás diles un forte arrecendo a augardente e mais a auga de olor que lle botaba enriba o Milhomes dun frasco que roubara na casa do cabaleiro tolo, e aquela mistura de cheiros dábame engullos na boca do estámago que todo parescía cheirar do mesmo xeito, o áer, a roupa, o fumo do pito… De sócato Xan parouse e quedouse albiscando pra un costado durante un anaquiño; e coma si lle tivese vido unha ideia nova, alancou por enriba dunha sebe e, sen decire ren, meteuse a camiñar por unha verea que atravesaba a finca do Abade das Vellas. Polo xeito de coller o camiño, a longas pasadas, coasi correndo, deime conta que, nefeito, viñéralle á cabeza unha nova tolería. Decote facía eso: en canto lle viña unha vértola nin a pensaba e poñíaa por obra de contado. E canto máis arriscada máis apresa se metía nela. Eisí ía arestora, direito, firme, determiñado, que até o andar se lle endireitara como se non tivera bebido, e custábanos traballo seguilo.
Foi diste modo como chegamos ó Campo das Bestas que vén sere, coma vosté me enseña, o lagar onde os varrendeiros van baleirar o cisco da cibdá.
Estaba o tarreo en partes enchoupado pola choiva que caíra, de maor modo as moreas do cisco novo, e metíansenos os pés hastra enriba dos artellos naquela lama fedorenta que cheiraba a podre. As partes chas, estaban duras e esvaradizas coa xiada, de maneira que era mellor andare por enriba do cisco.
No meio do campo o terreo vén a formare un illó ou lagoíña, bastante fonda, que aló fan as augas chovedizas, e que no vran énchese de moscas e tabaos e dá un cheiro que alcatrea por todos aqueles arredores, que até disque alí se teñen formado algunhas pestes. Agora estaba xeada entre as moreas do esterco e brilaba coma un espello embazado, polo gallo da lúa, que xa cuase desaparecera tras o monte de Santa Ladaíña pro que aínda lle apañaba un retrinco.
Anque non dixen ren, ó chegar a tal sitio escomencei a sospeitare o que aquel mal cristiao matinara , aínda que non me estrevese a crelo.
Nun alpendre que aló hai, un pouco alonxado da beira do campo do cisco, e meio tapado por uns bidueiros novos, vivía Socorrito, a tola… Sopoño que xa vostede a ten conecido, pois calisquera que leve un tempiño na nosa cibdá tena que conecer e que terlle simpatía. É unha muller aínda nova, ergueita, de boa estatura e goapa, apesares dos estragos que nela ten feito a vida que fai a probiña. Aparescera, fai uns anos, polas rúas de Auria, como aparescen ises tolos que nunca se sabe de onde veñen, cun neno de farrapos apreixado descontra o seio, facendo que lle daba de mamare. A Socorrito, cando chegou, tiña a pele fina e branca, os cabelos crechos e mouros, que en logar de lle caír quedábanselle asortelados arredor da testa coma unha coroa. Tiña a voce modosiña e falaba sempre en castelán, coma moitas vegadas adoitan as mulleres labregas cando perden o xuício. Somellaba unha señorita vilega, coas súas roupas tan ben axeitadas e co aquiles acougados movimentos e aquel sorrir de dentes brancos e parellos… Ó pouco tempo xa toda a xente a quería moito e dábanlle de comer e de vestir polas casas, anque non era nada fácile que o ademitise, pois decía que ela non era unha moinanta de pedire senón que estaba afeita a manxare en mesa posta, con mantel branco e servida por criadas, que todo viña a sere pantesía e figuraciós da súa tolicie que lle daba por eí… E no tocantes ó da roupa, por cada prenda que lle disen pra ela, había que darlle outra pra o seu neno, anque se conformaba cun retrinco calisquera de pano que non chegaba nin pra vestir un dedo. E cando collía as cousas non daba nunca as gracias, anque era sempre de moito benser, propiamente coma unha dona principal, e decía que xa mandaría ó adeministrador «a pagar la cuenta…» ¡Probe Socorrito! Algunha boa xente tentou de recollela, pro cando esto socedía, daba en esmorecere até vir doente da saúde do corpo e moi enrabexada do caráiter, de modo que había que ceibala de novo… Entón voltaba pra o alprende aquil, onde os varrendeiros do Municipio gardaban os carros i as vasoiras, e onde ela vivía arrodeada de berces que lle tiñan dado de esmola, ou que lle facían os carpinteiros con catro táboas, ou que ela tiña armado con caixós que pillaba, porque, asegún decía, había de tere vinte fillos cada seu dun home e todos homes… Disque se puxera tola dende que a botara de perda un serranchín portugués, que a forzou sendo aínda unha cativa, aló no seu logar, que era por Lobeira, ou cousa eisí… Os mozancós de Auria faciámoslle bulras agarimosas por aquela súa teima de querere ser nai de tantos fillos e perguntabámoslle, falando tamén en castrapo:
— «Socorrito, ¿cando facemos el hijo?» I ela, sen deixar nunca de sorrire, achegábase ó da pergunta, e dempois de cheirar nil un anaco, contestaba:
— «No puedo tener un hijo tuyo porque hueles mal. ¡Dispénsame!»
En troques, cando pasaba por ela un señorito, bo mozo e ben fardado, anque fose coa muller, íase pra il e decíalle con moito mimo:
— «¡Qué bien hueles! ¿Cuándo me haces el hijo?»
«Mañana, Socorrito, mañana, que hoy llevo prisa», era a resposta caridosa, e moitas vegadas tenra, que lle daban. Algún forasteiro até engradou cando se viu no caso, logo de que lle tiñan contado o asunto. ¡Probe Socorrito!
— Xa me decataba que tiña que conecela e que non lle estaba a contar nada novo, pro no meio de tanta porcaría dábame gosto pórme a falar dela por mor de…
— Está ben, si señor… Conque foi o Bocas e pediulle ó Milhomes o frasco do prefume, e borrifouse con todo o que quedaba. Dempois pegoulle outro metido á botella e guindouna, baleira, lonxe de si. E coa mesma botouse a camiñar coas pernas ben abertas, precurando afirmarse.
— «¿Pra onde vas ti nesa disposición?», berroulle o Milhomes, que polo visto non se decataba. O outro non contestou e seguiu camiñando, tropezando nas moreas do cisco. «Agarda que vou contigo…»
— «Ti non vés nada», contestoulle Xan, parándose un istante e co aquil seu modo de ceibar as verbas, que contradecirllas era tanto coma estar disposto a pelexar.
— «¡Pois que te coma unha centella!», arromatou o Milhomes deixándose caír no chau i embrullándose na manta coma quen se dispón a dormire.
Aínda se viu o vulto do outro subindo e baixando polas moreas e camiñando nunha direición que non era a do alpendre. Noustante, eu que tiña a certidume do que matinaba, púxenme moi desacougado e quixen ire tras dil pra facerlle algunhas refleixiós. Pro seguramente ía tere que pelexar co il e coasimentes non tiña forzas pra manterme ergueito, cantimais pra me bater con somellante besta, ó que non era capace de domear toda canta bebida tiña no corpo.
O Milhomes somellaba írese adormentando. A pítima dáballe por rosmar polo baixo esas cántigas que botan as mulleres nas procesiós… Eu non podía co meu desacougo porque si consentía o que se me estaba a figurar ía a tere un cargo de concencia xa pra toda a miña vida. Sabíase dabondo, por outros cavardes e larchás que xa tencionaran aquelo mesmo, que a Socorrito era moi forte e valente, capace de se defendere dos aldraxes. E, por outra parte, coma eu tiña ben conecido a aquil animal, fóra a ialma que Deus puxo nil tan mal empregada, deprocatábame ben que si lle marraba o enxeño de terse botado a iauga de olor pra arrecender a señorito, era home pra facere calisquera cousa desaxeitada.
Ó pouco andar, perdeuse no escuro. Pola miña parte, e aínda con todo o que matinaba, era tanto o esmorecemento que en canto me deixei caír no chau xa encomencei a velo todo tal e coma si estivera soñando… A lúa desaparecera xa facía un anaco. O ceio estaba limpo e caía a rabiar a xiada. Do terreo erguíase unha fumaza ou brétema que quedaba a pouco altor i escomenzábanse a vere, polos cumios do Montalegre, as luzadas, aínda moi borrallentas, do mencer. Entre as moreas do estrume íanse vendo as fochas coa iauga da chuvia xeada, e pasaban raiolas de ratos iñormes, rebuldando nos esperdicios, que andaban a par de nós, ás vegadas pasándome por enriba, coma si estiveramos m0rtos.
Eu sentíame coma se naquil mesmo intre fose agoniar. Non atinaba a decatarme si aquela mágoa era cousa do corpo tan maltratado ou do «pensamento» que me viña de outro xeito; pro fose o que fose, arestora sentíame coma nas portas do pasamento, que xa tanto me daba unha cousa coma outra, e deixábame ire naquil esvaimento que somellaba non tere fin, coma se me quixese abalar e non poidese por ren diste mundo, que era coma irse indo, irse indo… que aínda me quixen agarrar, con todo o sentido, á lembranza da miña nai, do meu pequecho, e non o conquería, coma se me fose quedando baleiro de todo e se me fose esvaíndo a concencia, que endexamais me viñera o «pensamento» daquil modo e sen gañas de me afastar dil, coma noutras vegadas, senón que me quería deixare ire pra onde me levase aínda que non parara até a morte, que arestora non me amedoñaba…
— Si, señor, seguía alí, a par de min. Quedárase eisí, engruñado na manta, co papo entalado no peito e os ollos pechos. Pro, polo visto, non dormía. Estarricábase cada pouco i abambeaba a cabeza coma si se arrolase, e seguía rosmando polo baixo as ladaíñas que cantan as mulleres na eirexa… Nunha destas pegou a volta, quedouse a catro patas e baleirou todo canto tiña no corpo, laiándose a cada pulo da trousada. Dempois voltouse boca arriba e púxose a cofeare no bandullo estordegándose coa door. Como a luce aínda era pouca, acendín un misto e vin que tiña os beizos sanguiñentos e a cara branca, mazmida e cheia de suor… O día viña vindo adispacio, i as cousas de arrente ó chau aínda non se distinguían ben no meio daquela boira…
Nestas foi cando se ouviu, ó lonxe, un berro tremendismo, con voce de muller. Eu erguinme dun pulo, cando o brado asegundou aínda máis forte. Dempois seguiron outros máis curtos, coma afogados. A par de min estaba o Milhomes axexando. O susto escorrentáranos as mágoas.
— «¿Que é iso?», dixo, coma querendo adiviñar.
— «¡Que ha de sere… ! esa besta que está coa Socorrito». E coa mesma boteime a correr todo canto me consentían os pés feridos, en precura do alpendre, que estaba a uns douscentos pasos afundido nun desnivel do tarreo, caíndo e erguéndome nos montós do ciscallo. Nunha destas o Milhomes adiantoume, pasando a par de min cunha navalla aberta na mau. Sacando forza de non sei onde, aínda o poiden acadar. Pilleino por un brazo pra detelo, sen deixar de correr, e virou pra min unha cara coma endexamais lle tiña ollado, que era propiamentes a dun home que non sabe o que fai.
— «¡Vaimas pagar todas xuntas ise cabrón…!»
— «¡Párate eí, Aladio, que te vas a perdere por ise canalla…!»
E foi niste istante cando me deu, pra se ceibare, esta cortadela que teño no pulso por onde escomenzou a saír o sangue a tornos.
Con todo, non o soltei e xuntos chegamos ó alpendre e xuntos baixamos o cómaro que o arrodea, con tanto pulo que coasi nos escachamos descontra a porta, que se abriu de par en par.
O Bocas aparesceu, erguéndose dun recanto escuro, cos pantalós a meio subir, deixando vere a branca pele da barriga por un costado… E sen decire palabra diste mundo, o Milhomes alancou pra il e dun golpe afundiulle alí a navalla e rachou coela pra un lado, sacándoa aixiña pra lle asegundar máis abaixo, con intención de ferilo nas súas partes, con perdón sexa dito. O Bocas cangouse pra adiante querendo recoller coas maus escoadas de sangue, aquela trouxa de cousas branquiñosas que se verquían pola tremenda boca da ferida. Aínda quixo manterse en pé, pro non pudo, e caíu sobre dun costado, encollido e apreixando aquelo descontra si…
O Milhomes surtiu e botouse a correr… Eu corrín tamén, pro foi ben pouco, porque as forzas que me quedaban esvaíronseme coa gran disgracia que acababa de ollar. O Aladio, que debía ire cego, colleu pra a banda da lagoa, e aínda o vin dare unhas pasadas por enriba do xelo, que fixo, ó se crebare, un bruído de cristaes escachados, e afundiuse, berrando até desaparecere…
E diste xeito foi coma nos atoparon os varrendeiros, asegún dempois viñen a sabere… De non tere eu caído privado, tanto pola mágoa que xa tiña no corpo coma polo sangue que perdía, eu mesmo houbera vido avisar á xusticia, porque eu non teño ren que vere no caso das mortes, coma non sexa que pasaron diante de min sen poder facer nada… Sinto a morte que levaron, porque eran cristiaos coma min, pro merecíana dabondo e hastra somella que a percuraban tal como a levaron…
E co isto, xa non teño máis que falar, e que Deus nos perdoe a todos…
— Si, señor, si. É isa mesma. Vinlla pouco, pro isa somella sere a navalla de Aladio o Milhomes.
— Certamentes, señor; digo que somella porque non lla tiña ollado denantes nin sabía que a levaba, e somentes lla vin un istante na mau, cando iamos correndo e cando me ferrou o golpe no pulso. Si ese é ou non o «corpo do delito», como vostede me enseña, podo decire que pode sere, pro non o podo xurar.
— Isa é unha parvada e hastra parez cousa de mala fe, sen faltarlle ó respeto. Eu non son home de navallas, que o pode decire todo o mundo no pobo… ¡E fágame o favor de…!
— Non, señor, non teño nada nen me pasa nada…
— Non, señor, eu non berro nen teño por qué berrar, anque me amolou moito o que vostede aventurou da navalla… Amais diso, está todo dito, está todo dito e non hai que amuar á xente perguntándolle máis do que dixo e do que sabe… ¡E teño dito e acabouse…! ¡Porque… cando me vén forte o «pensamento», como arestora, que debe sere da fame e da sede, que vai pra dous días que non paso bocado, ou de tanto andar a remexer nistas cousas…! Porque o que quero é que me deixen en pace, que xa non aturo máis… e que, ¡pola nai que me pariu…!
— Non, señor, non; iso si que non. Pídollo por Deus, polos seus, por quen máis vostede queira… ¡Prégollo eisí, de xoenllos…! ¡Non…, que non quero que me leven istes! ¡Que non vou, que me levan ó coartelillo…! ¡Soltádeme, asasinos, fillos de puta…!
Cipriano Canedo ou o Cibrán, ou o Castizo, ou… aínda pudo pillar dun brinco a navalla de enriba da mesa e afundila por embaixo das costelas… Porque hai xentes de tal condición que pra se ceibar do «pensamento» téñeno que matar dentro de si… Anque endexamais quedou craro, entre a xente do pobo, se morreu da navallada ou dos culatazos con que alí mesmo o mallou a parexa da Benemérita.
Meu tío o «ministro», a pesar de ser home de orde e, como resulta fácile deducir do seu cárrego, moi adoitado á veracidade xudicial, soía decire, entre dentes, que levaran ó Castizo de alí coa fronte escachada, e que ó día seguinte, ó varrer, atopara embaixo da mesa unhas folerpiñas «eisí coma de brume ou materia, que tamén poderían sere dos miolos que temos dentro da cabeza».
Ó menos, esas eran as súas verbas…